Cultura e Educación promove o diálogo cultural entre Galicia e Brasil co apoio ao proxecto musical ‘Villa-Lobos. A New Way’
O músico galego Alberto Conde propón neste CD unha lectura en clave de jazz do compositor brasileiro Héitor Villa-Lobos, coa voz da soprano Carmen Durán
O secretario xeral de Cultura afirmou na presentación do CD que a iniciativa “tende unha nova ponte coa tradición musical brasileira, nun proxecto con personalidade e singularidade que vén enriquecer a creación musical galega contemporánea”
As cidades da Coruña e de Vigo serán o escenario dos concertos de presentación deste traballo, os días 17 e 19 de outubro, respectivamente
Mar, 01/10/2013 - 11:20
Anxo Lorenzo na presentación do disco de Villa Lobos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, promove o diálogo entre as culturas galega e brasileira a través do seu apoio ao proxecto ‘Villa-Lobos. A New Way’, un traballo musical ambicioso, froito da investigación e da vontade de explorar camiños novos, que xorde da colaboración entre o profesor, compositor e intérprete Alberto Conde coa soprano Carmen Durán, xunto cos músicos Nirankar Khalsa, Kin García e Miguel Cabana, de Alberto Conde Atlantic Trío.

O proxecto, que constitúe unha lectura en clave de jazz do compositor brasileiro Héitor Villa-Lobos, acaba de ver a luz nun CD que foi presentado esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela. Acompañado polo produtor do proxecto, Alberto Conde, pola cantante Carmen Durán, polo letrista e consultor J.R. Bustamente e polo delegado para Galicia da ONG Tierra de Hombres, Raúl Besada, o secretario xeral de Cultura asegurou que o proxecto “tende unha nova ponte coa tradición musical brasileira, nun proxecto con personalidade e singularidade que vén enriquecer a creación musical galega contemporánea”.

Unha “relectura e reescritura” da obra de Villa-Lobos

“Este ‘Villa-Lobos. A New Way’ –explicou– é unha relectura fóra do ámbito clásico e, en parte, mesmo unha reescritura dalgunhas das obras do compositor brasileiro, un dos clásicos do pasado século a nivel mundial que construíu parte da súa música sobre as formas musicais tradicionais do Brasil”. Nesa reescritura, Alberto Conde leva a outro terreo a base musical concibida por Villa-Lobos e mesmo compón algunhas partituras a partir da inspiración do compositor brasileiro. Ao mesmo tempo, existe un desenvolvemento de novas letras brasileiras para estas cancións, da man do poeta Bustamante.

Un total de 10 temas compoñen este proxecto musical “valente e ambicioso, gravado con calidade e impulsado por intérpretes consolidados, dispostos a explorar a mestizaxe dos estilos”, dixo. Por iso, desde a Xunta de Galicia “contribuímos co noso apoio a que este traballo de investigación sonora vexa a luz en formato CD e tamén nos dous concertos de presentación nos que o público vai poder gozar en directo desta proposta musical”. 

O primeiro destes concertos de presentación realizarase o xoves 17 de outubro, ás 20:30 horas, no Ágora da Coruña, mentres que na cidade da oliveira terá lugar o sábado 19 de outubro, á mesma hora, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo.